Fala a tarde baixiño i o corazón sínteo.. sinte ti a nosa poesía

No bicarelo do bico do brelo

canta o paxariño,

No mesmiño

bicarelo do bico do brelo.



viernes, 11 de junio de 2010

Aquilino Iglesia Alvariño


Aquilino Iglesia Alvariño naceu no ano 1909 en Seivane, no concello lugués de Abadín. Entrou con catorce anos no Seminario de Mondoñedo, onde compuxo a súa primeira obra poética, Señardá (1930). Tras abandonar os estudos eclesiásticos, estableceuse en Vilagarcía de Arousa como profesor do colexio León XIII, do que se convertería en director e propietario. Porén, Aquilino transladouse a Santiago para cursar Filosofía e Letras, carreira na que se licenciaría en 1944. Alí entrou en contacto coa intelectualidade galeguista do momento e comezou a participar activamente na vida cultural do país. Así, exerceu como director de A Nosa Terra, fundou Renacencia e a seguir retomou a publicación lírica. O segundo libro, Corazón ao vento (1933), desligado do modernismo, entronca co franciscanismo do primeiro poemario e ábrese ás correntes vangardistas.


Após a guerra civil, Iglesia Alvariño compuxo poesía de signo fascista en español, mais en 1947 voltou á lírica galega, editando Cómaros verdes. Nestes anos a profesión docente levouno a mudar de cidade en varias ocasións. Porén, as súas ocupacións profesionais non impediron que desenvolvese unha intensa actividade noutros campos. Como lingüista especializouse no galego popular e redixiu monografías como A lengua dos poetas do Norte de Lugo, que foi o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega en 1949, que só sería publicado quince anos despois. En 1952 retornou a Compostela, onde permanecería até a súa morte, e alí foi testemuña do abrollar da xeración literaria das Festas Minervais (mesmo colaborou, con diferentes artigos e traducións para o galego de textos grecolatinos, en La Noche). A madurez e personalidade do seu verso, que nunca chegou a abandonar certo eco imaxinista e neotrobadorista, manifestáronse claramente nas seguintes obras: De día a día (1960), Landa de soledá (1961) e Nenias (1961). Iglesia Alvariño, un dos protagonistas da escola paisaxista de Mondoñedo, faleceu en Compostela en 1961. Dous anos máis tarde publicouse, baixo o título de Leva o seu cantare, unha colección de poesías inéditas ou espalladas en diferentes xornais e revistas.

POLO CORREO DO VENTO

Polo correo do vento
mándoche a miña canción,
nun sobre de sentimento
que asinei co corazón

Escribín liña por liña,
á luz da miña saudade,
no colo dunha estreliña.

- A esa hora no Valiño
se cadra, a sombra das arbres
morrrera sobre o camiño.. -

Ao acaba-la canción,
sequei a tinta, aínda verde,
co po da miña emoción.

e, logo, funa botar,
ás altas horas da noite,
polo buzón do luar...

Alvaro Cunqueiro



Álvaro Cunqueiro Mora naceu en Mondoñedo en 1911. Na botica do pai tivo a oportunidade de entrar en contacto coas historias e cos tipos populares do país. En 1922 transladouse a Lugo para cursar o Bacharelato, e despois a Compostela para estudar Filosofía e Letras, onde se decantou polas tertulias e as lecturas antes do que polas aulas. Descubriu así a obra de autores como Yeats, Rilke, Breton, Verlaine e outros vangardistas que deixarán pegada nos seus primeiros poemarios. Nas tertulias do Derby e do Español coincidirá con García-Sabell, Torrente Ballester, Carvalho Calero, Luis Seoane, Maside, Colmeiro e moitos outros integrantes do movemento artístico compostelán. Estes contactos estimularon a Cunqueiro a tomar consciencia do país e da lingua. De volta en Mondoñedo, participou no movemento editorial dos anos trinta promovendo a aparición de varias publicacións (Papel de color, Galiza, Editorial Un...) inseridas no ambiente vangardista da época. Na liña vangardista publicou os poemarios Mar ao Norde (1932), Cantiga nova que se chama Ribeira (1933) e Poemas do si e do non (1933).




Afiliado á Falanxe desde 1937, Cunqueiro exerceu de mestre en Santa Marta de Ortigueira e de periodista en Vigo, Donostia e Madrid. En 1944 o réxime retiroulle o carné de xornalista e voltou a Mondoñedo. Comezou neses anos a súa andaina como narrador galego: novelas (Merlín e familia i outras historias, As crónicas do Sochantre e Si o vello Sinbad volvese ás illas) e libros de relatos (Escola de Menciñeiros, Xente de aquí e de acolá...). Tamén retoma a escrita de pezas dramáticas, como O incerto señor Don Hamlet Príncipe de Dinamarca (1958). Ingresou na Real Academia Galega en 1961, ano en que fixou a súa residencia na cidade olívica para traballar no xornal Faro de Vigo. Desde 1978, en que gaña unha bolsa vitalicia da Fundación Pedro Barrié de la Maza, e até a súa morte en 1981, sucedéronse as homenaxes: Doutor Honoris Causa pola Universidade de Santiago de Compostela, Pedrón de Ouro do Patronato Rosalía de Castro, homenaxe pública en Vigo...

A superación do concepto tradicional dos xéneros, a intertextualidade e coherencia do seu universo literario, a recreación de figuras e mitos, o tratamento do elemento popular e a incorporación de técnicas propias da oralidade serán os trazos que identifiquen a produción do multifacetado escritor, nunha magna obra que conforma un corpus inzado de coñecementos etnográficos, plásticos, musicais, filolóxicos e literarios. O seu extraordinario testamento poético ficou recollido baixo o título de Herba aquí ou acolá (1980).

CANTIGA NOVA QUE SE CHAMA RIVEIRA

No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Canta ao luar e ao mencer
en frauta de verde olivo.
Quén poidera namorala,
meu amigo!

Ten áers de frol recente,
cousas de recén casada,
meu amigo!
Quén poidera namorala!

Tamén ten sombra de sombra
e andar primeiro de río.
Quén piodera namorala,
meu amigo!

LUIS AMADO CARBALLO


Luís Gustavo Amado Carballo figura, xunto con Manuel Antonio e Luís Pimentel, entre os protagonistas da renovación poética do primeiro tercio do século XX. Naceu no ano 1901 en Pontevedra, vila da que nunca se ausentaría por moito tempo e cuxa paisaxe de mariña interior é un referente continuo nos seus versos. Estudou o Bacharelato no Instituto do seu lugar natal e, tras cursar dous anos de Filosofía e Letras na universidade compostelá, regresou a Pontevedra para seguir a carreira de Maxisterio. Durante a súa curta vida, Amado Carballo exerceu como mestre de escola e xornalista, profesións que lle garantiron poder dedicarse sen preocupacións económicas á súa obra de creación.


Co obxectivo de traballar como xornalista, Amado Carballo partiu para Madrid en 1920, onde colaborou no xornal La Tribuna, na revista España e noutras publicacións españolas e galegas. Mais decidiu voltar á súa cidade de orixe e, desde Pontevedra e Vigo, continuar a escribir para diferentes medios galegos (Progreso, La Concordia, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Nós, Vida Gallega, etc.).


A pesar de ser recordado fundamentalmente como poeta, o pontevedrés iniciou a súa andaina na literatura como narrador, coas novelas curtas Maliaxe (1922) e mais Os pobres de Deus (1925), e o conto Un milagre do santo San Francisco.


En 1924, Amado Carballo contrae unha tuberculose pulmonar, o que o forza a abandonar o seu traballo xornalístico en Vigo e retornar a Pontevedra. A súa obra lírica comprende dous poemarios, Proel (1927) e mais O galo (1928). De todos os xeitos, foi un dos poetas que máis influíu nas xeracións posteriores. Está considerado como o creador da denominada escola imaxinista ou hilozoísta.

O GALO


Ábrelle as portas ao día

coa chave do teu cantar

que xa na fonte da Lúa

está lavada a mañán.


Bótalle o teu aturuxo

á paisaxe dende o val

que o gran balbo das estrelas

cairá serodio no mar.


O campo cheo de frío

busca un anaco de sol,

alcéndelle unha fogueira

co lume da túa voz.

jueves, 10 de junio de 2010

XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLAZQUEZ


Xosé María Álvarez Blazquez naceu o 4 de febreiro de 1915 en Tui, no seo dunha familia ligada ao mundo das letras. Co levantamento militar de 1936 ten lugar o fusilamento do seu pai, Darío Álvarez Limeses, e é postergada a súa toma de posesión como mestre na escola de Coreses.


Con todo, o seu compromiso coa Galiza é firme e militará na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista; no plano cultural, participa na fundación da revista pontevedresa Cristal e en 1950 funda a editorial Monterrey, -a partir de 1967 co nome de Editorial Castrelos-, etapa en que decide a reedición d´O catecismo do labrego, da autoría de Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), e pon en marcha a colección literaria O moucho o que permitiu a publicación de libros de baixo custo que favoreceron a difusión da cultura galega e o seu acceso a todos os públicos.


Para alén do seu traballo como investigador, cultivou a poesía, actividade que foi central na súa vida, poetizando sobre diferentes aspectos da realidade e de moi diversas maneiras. A súa produción lírica iníciase coa publicación do poemario Abril (1932), ao que seguen obras como Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950) ou Canle segredo (1976), en que se manifesta a súa madurez poética. Ademais, a publicación do Cancioeiro de Monfero en 1953 é fundamental na corrente neotrobadoresca iniciada por Fermín Bouza Brey na década de 30, tendencia moito cultivada tamén no período de posguerra. A súa obra poética completa será publicada por Xerais en 1987.


En obra narrativa destacan os relatos Os ruíns, publicado na revista Nós en 1935, e A pega rabilonga e outras historias de tesouros, publicada en 1971. Escribiu varias obras de teatro en español, traducidas ao galego postumamente. Por outro lado, o seu interese pola arqueoloxía levouno a protagonizar importantes descubertas neste ámbito, plasmadas en obras como O vencello espritoal dos Fisterres Atlánticos (1951) e Industrias paleolíticas do Baixo Miño (1952), entre moitas outras. Tamén foron numerosas as conferencias e colaboracións nos medios de comunicación onde difundiu un ideario plenamente comprometido coa Galiza. Divulgador, pedagogo, editor, activista da Segunda República, Xosé María Álvarez Blazquez foi un normalizador da cultura e lingua galegas ao longo de toda a súa vida. Finalmente, morreu en Vigo en 1985.

A COMETA

Botar unha cometa
era guindar os sonoños
todos pola fiestra.

Era poñer a ialma
por enriba das ponlas
máis erguidas da fraga.

Era andar cos miñatos
nun outo vóo suspenso
sobor da paz dos campos.

Era ter -¡cousa meiga!-
o corazón atado
cun longo fío á terra.
Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
Onde ninguén foi nin ha d´ir!


O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco

movendo nas flairas dos teixos

ruxindo na folla dos carreiros

en busca da vagoada máis sola e máis medosa…


Rastrexa

párase e venta

finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo

con toda a sombra da noite na boca.

ANTONIO NORIEGA VARELA

En 1869 Antonio Noriega Varela veu ao mundo en Mondoñedo. Moi relixioso, ingresou con catorce anos no Seminario, onde se fixo popular gracias ao seu carácter festeiro e satírico. Alí adquiriu formación clásica e comezou a escribir poemas en español que enviaba á prensa local.

Mais non puido ordenarse sacerdote ao lle negar Roma a dispensa por ser fillo de solteira, polo que decidiu facerse mestre. En 1901 comezou a exercer en Foz, onde morou até ser expedientado e trasladado a Calvos de Randín. Aquí publicou poemas de ton agrarista no xornal ¡Guau...Guau! e descubriu o movemento anticaciquil da man de Antón Vilar Ponte. Porén, abandonou a reivindicación agrarista (nunca asumida por un Noriega politicamente conservador) e, crítico cos rumos estéticos da poesía galeguista, acabou renegando destes poemas.

Os tres anos que viviu desterrado nas terras arraianas provocáronlle un sentimento de desolación. O posterior traslado a Trasalba supúxolle a posibilidade de trabar novas relacións. A máis definitiva sería a de Otero Pedrayo, baixo cuxa protección coñeceu a Basilio Álvarez e entrou en contacto cos escritores portugueses. Neste tempo publicou o seu primeiro libro (Montañesas, de 1904), poemario costumista con fórmulas decimonónicas que logo serán abandonadas en favor dun lirismo "franciscanista" máis depurado. En 1920 o "poeta da montaña" deu ao prelo D'o Ermo, en cuxas sucesivas edicións (até 1946) foi incluíndo novos poemas. Con 57 anos obtivo un destino definitivo como mestre con plenos dereitos e regresou ás terras da súa xuventude. En Abadín, onde foi recibido con admiración, contou coa compañía do xoven poeta Iglesia Alvariño, co trato dos labregos e coas conversas cos compañeiros na etapa do Seminario. Foron anos de recoñecemento, en que o mindoniense foi elixido membro da Real Academia Galega e en que se lle tributaron numerosas homenaxes. En 1930 Noriega solicitou o traslado á mariña para fuxir dos rigores do clima. Nas proximidades de Viveiro discorreu a última etapa da súa vida docente, rodeado de admiradores e amigos. Coa sublevación militar, posicionouse en contra da República, incrementando a súa produción poética (agora en español). Tras a guerra (e de novo instalado na nosa lingua) chegoulle o tempo do retiro e coñeceu, até o seu pasamento en 1947, un momento de fondo pesimismo.

O amor polas tradicións levouno a recolectar léxico, cantares, refráns e adiviñanzas, do que naceron a colección A Virxen y-a paisanaxe (1914) e as dúas series de Como falan os brañegos (1928 e 1939), para alén de moitas colaboracións publicadas na revista Vallibria.

AS FLORIÑAS DOS TOXOS


¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!
Eu venero as froliñas dos toxos.

Dos toxales as tenues froliñas,
que sorríen, a medo, entre espiñas.

Entre espiñas que o ceio agasalla
con diamantes as noites que orballa.

¡Oh do ermo preciado tesouro:
as froliñas dos toxos son de ouro!

De ouro vello son, mai, as froliñas
dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!...

martes, 8 de junio de 2010

EDUARDO PONDAL


Eduardo Pondal


Unha das máximas figuras, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enriquez, do noso Primeiro Renacemento literario, naceu en 1835 na Ponteceso, comarca de Bergantiños. De orixe fidalga, Eduardo estudou gramática latina da man dun parente crego. En 1848 instalouse en Santiago para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. No compostelán Liceo de la Juventud coñecerá a Rosalía, Murguía e Rodríguez Seoane, con quen partillará inquedanzas culturais. No transcurso do Banquete de Conxo (1856), un encontro confraternizador entre artesáns e estudantes, Pondal daríase a coñecer coa lectura dun poema en español titulado "Brindis".


Tras licenciarse en Medicina en 1860, Pondal estableceuse en Ferrol como médico da Armada Española. Neste ano saiu á luz no Álbum de la Caridad "A campana de Anllóns", o seu primeiro poema en galego. Un ano máis tarde preparou oposicións en Madrid para ingresar no corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto en Asturias, deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica. Desde entón dedicouse por completo ao cultivo da poesía. Instalado desde entón na súa vila natal e na Coruña, Pondal contactou co hipotético pasado celta da Galiza na tertulia da Libraría Carré, alcumada "Cova Céltica", e accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.


No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos, conformará o himno galego, con música de Pascual Veiga.


Pondal, poeta oficial do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de mitos autóctonos que chamen á colectividade galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa produción lírica. No plano lingüístico, Pondal procurou a dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano, o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858.


Eduardo Pondal falece no hotel La Luguesa da Coruña no ano 1917 e repousa desde entón no cemiterio de San Amaro.

Os pinos

Que din os rumorosos
na costa verdescente,
ao raio transparentedo prácido luar?
Que din as altas copas
de escuro arume arpado
co seu ben compasado
monótono fungar?

Do teu verdor cinguido
e de benignos astros
confin dos verdes castros
e valeroso chan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono
Fogar de Breogan.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden
e con arroubo atenden
o noso rouco son,
mais só os ignorantes
e férridos e duros
imbéciles e escuros
non nos entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois, dondequer, xigante
a nosa voz pregoa
a redezón da boa
Nazón de Breogán.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO



ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO




naceu en Vigo no ano 1952. Exerce como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade.



Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.



Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións.



Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para xoves, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces/as.



Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.




Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa.


No VI Simposio de Literatura Infantil e Lectura da FGSR o seu libro Versos de agua (en galego Cacarabín, Cacarabón) foi elixido entre Los 100 del Siglo XX.



O seu libro de relatos Trala liña do horizonte foi elixido como libro asociado do Fórum Barcelona 2004.



Así mesmo, os seus poemas figuran en múltiples antoloxías tanto en galego coma en castelán. Algúns deles foron musicados por distintos grupos de Galicia. Como traductor ó galego leva realizado diversos traballos dentro do eido literario infantil e xuvenil.



Na actualidade codirixe o programa radiofónico de música e poesía Os sons do silencio.
ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

naceu en Vigo no ano 1952. Exerce como mestre de Ensino Primario e Primeiro Ciclo da ESO nun Colexio desta cidade.

Colaborou nas páxinas literarias e pedagóxicas dos xornais e revistas máis prestixiosos de Galicia así como en diversos proxectos literarios con carácter reivindicativo.

Crítico e especialista en literatura infantil e xuvenil, imparte cursos de animación á lectura, creación literaria, obradoiros de poesía, conferencias, e ten participado en xornadas didácticas e literarias promovidas por distintas institucións.

Durante oito anos dirixiu unha prestixiosa colección literaria para xoves, é autor de libros de texto e foi membro do xurado en importantes Premios literarios para rapaces/as.

Varios dos seus libros foron incluídos nas Listas de Honra da CCEI e da revista CLIJ.

Gañou o Premio Merlín en 1996 con Na fogueira dos versos, libro co que entrou na Lista de Honra do IBBY (1998) e foi finalista do premio Nacional (1997). En 1998, un xurado internacional concedeulle o Premio Europeo Pier Paolo Vergerio, promovido pola Universidade de Padua, considerado un dos máis prestixiosos galardóns literarios de Europa.

No VI Simposio de Literatura Infantil e Lectura da FGSR o seu libro Versos de agua (en galego Cacarabín, Cacarabón) foi elixido entre Los 100 del Siglo XX.

O seu libro de relatos Trala liña do horizonte foi elixido como libro asociado do Fórum Barcelona 2004.

Así mesmo, os seus poemas figuran en múltiples antoloxías tanto en galego coma en castelán. Algúns deles foron musicados por distintos grupos de Galicia. Como traductor ó galego leva realizado diversos traballos dentro do eido literario infantil e xuvenil.

Na actualidade codirixe o programa radiofónico de música e poesía Os sons do silencio.

A BOLBORETA AMARELA

A bolboreta amarela
despregaba as súas azas;
aquela primaveriña
revoando pola praza.

A bolboreta amarela
pousábase encol das flores;
aquela primaveriña,
enfeitizada de amores.

A bolboreta amarela
danzaba con motio xeito;
aquela primaveriña
tiña un segredo no peito.

A bolboreta amarela
cansa de tanto voar;
aquela primaveriña
cun paxaro foi casar.

lunes, 7 de junio de 2010

UXÍO NOVONEYRA


Uxío Novoneyra naceu en Parada de Moreda, Courel, en 1930, fillo dunha familia de labregos. Esta terra será o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974).


Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, até a súa morte no ano 1999.


Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.


Nos seus textos, Novoneyra explicita o seu compromiso nacionalista e marxista (especialmente na época en que estes temas son protagónicos na literatura galega), sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e mais pola linguaxe, pesquisando na materia lírica até conseguir o mellor resultado visual e —sobre todo— sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos e vulgarismos, os silencios, o simbolismo gráfico, etc).

FIANDEIRA NAMORADA

Fiandeira namorada
que fias detrás do lume
cos ollos postos nas chamas
roxiñas, brancas i azules.

Fiandeiriña que fías
nas noites de longo inverno
as liñas máis delgadiñas
que o fío do pensamento

Cai a neve branca fora
riba dos teiros calada
mentras ti fías e soñas
nunha cousiña lonxana...

viernes, 4 de junio de 2010


CELSO EMILIO FERREIRO naceu en Celanova no ano 1912. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.


Cando estalou a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título.


Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.


Establecido en Vigo desde 1949 como procurador, escribiu unha biografía de Curros Enriquez, consciente de que a recuperación da figura do poeta podía xogar un papel importante no despertar da consciencia colectiva do país nun momento tan delicado. En Vigo publicou O soño sulagado (1954), colaborou en varias revistas e dirixiu, para Galaxia, a colección de poesía "Salnés", onde saíu, en 1962, Longa noite de pedra. O impacto desta obra foi enorme, esgotouse en poucos días e correu multicopiada de man de man, marcando un fito na historia da nosa literatura. Aínda que non era o primeiro poemario da corrente socialrealista, Celso Emilio pasou a ser o símbolo deste movemento.


En 1966, respondendo a un convite da emigración, marchou a Caracas, onde axiña se enfrontou coa directiva da Irmandade Galega e o sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que redixiu Viaxe ao país dos Ananos (1968), polémico poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en Cantigas de escarnio e maldicir (1968), asinado baixo o pseudónimo Arístides Silveira, no romance de cego Paco Pixiñas (1970), en Os autentes (1973) e mais en Antipoemas (1972). Celso Emilio decántase pola actitude belixerante e o compromiso, pois entende que a poesía é un instrumento eficaz para transformar a realidade.


En 1973 instalouse en Madrid, onde desenvolveu unha intensa tarefa a prol da cultura e a literatura galegas, dedicándose por completo á actividade literaria e xornalística. Son desta época os poemarios Cimenterio privado (1973) e Onde o mundo se chama Celanova (1975). A morte sorpréndeo en Vigo no verán de 1979, nun momento en que Celso Emilio Ferreiro se convertera xa nun auténtico mito vivo para as novas xeracións.

MARÍA SOLIÑA

http://www.youtube.com/watch?v=MfLrZ4Nb_lY&feature=fvsr

Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache, María Soliña.
Nos areales de Cangas,
Muros de noite se erguían:
Ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.
Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de agua fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

miércoles, 2 de junio de 2010

LUIS PIMENTEL


Viviu case toda a súa vida na Praza Maior de Lugo. Estudou Medicina en Santiago de Compostela e, antes de dedicarse á poesía, fixo incursións na pintura e na música. Posteriormente realizou o doutoramento en Madrid, nunha época na que nesta cidade existía un grande ambiente cultural (Lorca, Dalí, Buñuel, Valle-Inclán e Baroja residían daquela na capital do Estado), para voltar xa definitivamente ao seu Lugo natal e exercer alí como médico. No 1927 entra a formar parte da directiva do Círculo das Artes de Lugo e máis tarde consegue unha praza como médico de guarda no Hospital Municipal. Trabou amizade persoal con Ánxel Fole, quen o animaba constantemente a publicar os seus versos, e estableceu correspondencia con outros poetas como Dámaso Alonso ou Vicente Aleixandre.

Foi un destacado poeta relacionado coa xeración do 27. Na súa obra apréciase unha síntese de movementos vangardistas de dentro e de fóra da Galiza.

No 1924 publica os seus primeiros poemas na revista Ronsel. Son poemas intimistas e sinxelos, pero moitas veces irónicos e mesmo burlescos. Foi autor de Triscos (Pontevedra: Colección Benito Soto, 1950) e de Sombra do aire na herba (Vigo: Galaxia, 1959) en lingua galega. En castelán escribiu Barco sin luces (Lugo: Celta, 1960), obra póstuma que recolle poemas de 1927. En todos eles as súas propias vivencias son a temática fundamental, ateigadas dunha constante tenrura para todo o fráxil e delicado.

Na súa poesía observamos influencias do modernismo, de ismos vangardistas, do simbolismo francés e do existencialismo de posguerra. Canto á forma, destaca o verso libre, imaxes vangardistas, os paralelismos e as anáforas.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas
no 1990.

CANCIÓN DAS TRES CUCHARAS

Tac, tac, tac
cuchara de pau
cunca de madeira
o meu neno
está na lareira.
Tin, tin, tin
cuchara de prata
cunca do pazo
o meu neno
está no regazo.

Ton, ton, ton
cuchara de ouro
cunca de cristal
o meu neno
é príncipe real.

MANUEL CURROS ENRÍQUEZ



Nacido o 15 de setembro de 1851 en Celanova (Ourense), Manuel Curros Enríquez pasa por ser, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, o gran referente do denominado “Rexurdimento” da literatura galega de finais do século XIX.A súa obra “Aires da miña terra” identificao como un gran poeta civil, capaz de conxugar a denuncia social en favor da clase máis desfavorecida, como demostra en poemas como “As Pragas”, “Nouturnio” ou “Mirando ó chau”, cunha poesía de exaltación dos valores tradicionais da cultura galega, como é o caso “Unha boda en Einibó”, “O gaiteiro de Penalta” e moi especialmente “A virxe do Cristal”, onde describe de forma maxistral a lenda sobre a aparición da imaxe da pequena virxe desta localidade, cuio santuario se ubica na parroquia de Vilanova dos Infantes, lugar de nacemento de Petra Enríquez, a súa nai.


Pero a súa obra trascende máis alá da poesía e céntrase durante gran parte da súa vida no xornalismo. Prestixioso redactor de “El País” e a “Gaceta de Madrid”, a súa labor informativa levoulle a exercer como corresponsal de guerra no País Vasco durante a terceira guerra carlista, escribindo unha serie de “Cartas del Norte” que publicou no diario “El Imparcial”; despois dun temporal regresou á súa Galicia natal como funcionario de Facenda en Ourense, finalmente viaxaría a Cuba, en cuia capital, a Habana, funda “La Tierra Gallega”, chegando a traballar tamén en “El Eco de Galicia”, así como no “Diario de la Marina”.


O seu concurso desde aquela isla caribeña foi fundamental para, en colaboración con Manuel Murguía e outros intelectuais galegos dun e outro lado do Atlántico, promover a constitución da actual Real Academia Galega da Lingua a través da “Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega”, da que foi elexido presidente-fundador.Perseguido pola igrexa e pola xustiza -que o condenaría a dous anos e catro meses de cárcere en Ourense, para ser posteriormente absolto na Audiencia Territorial de A Coruña- a raíz da publicación de varios poemas de “Aires da miña terra”, a súa capacidade de conexión ca vila seríalle recoñecida nun acto de coroación como o gran poeta civil de Galicia, no que participaron os principais personaxes do mundo cultural e literario da Galicia daquel momento e que tivo lugar na cidade de A Coruña no mes de outubro de 1904 con motivo da última viaxe que fixo desde a Habana.


Tras o seu falecemento, ocorrido na capital cubana o 7 de marzo de 1908, a cidade herculina que tamén o acollera en vida e á que recordou e homenaxeou en mái s dunha composición poética, fíxose cargo finalmente dos seus restos, que permanecen enterrados no cemiterio de San Amaro daquela cidade.

A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.
E vina tan soia
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!
A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…
Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

MANUEL MARÍA


Manuel María Fernández Teixeiro naceu en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929. En 1942 trasladouse a Lugo para estudiar o bacharelato e aquí comezou a súa precoz carreira literaria participando, á idade de 20 anos, no ciclo de conferencias "Jóvenes valores lucenses". Esta primeira conferencia serviulle para entrar en contacto cos integrantes da tertulia do café Méndez Nüñez (Pimentel, Fole, Rof Codina...) que o poñerán en contacto coa realidade galega, tanto interior como do exilio.


Nesta primeira etapa da súa vida, publica o primeiro poemario dun poeta da nova xeración, Muiñeiro de brétemas (1950), co que se inaugura a denominada "Escola da Tebra".


En 1958 instálase en Monforte como Procurador dos Tribunais e ao ano seguinte casa con Saleta Goi. Nos axitados anos sesenta e setenta, Manuel María participa na reorganización política, na clandestinidade, dos partidos nacionalistas, e atende os chamamentos e peticións que lle chegan de todas as organizacións que, ao longo e ancho do país, andan a traballar pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar á Nova Canción Galega. A súa obra literaria diversifícase e multiplícase de acordo cos novos tempos: ensaio, narrativa, teatro... sen abandonar o cultivo da poesía. Do existencialismo e o seu pesimismo radical evolúe cara á unha poesía que rompe, tanto no formal como na temática, con esta liña subxectiva para se comprometer co ser humano, coa súa xente, coa súa realidade social, en definitiva, co seu pobo.


A súas actividades políticas culminaron coa súa elección como concelleiro en 1979. Son anos duros, e a súa participación nas campañas en defensa da lingua foi moi activa. En 1985 abandonou a militancia política para se dedicar por completo á actividade literaria e cultural e, desde a súa xubilación, reside na cidade da Coruña. A súa xenerosa entrega foi recoñecida en 1995, na Homenaxe organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega na Coruña.


Manuel María faleceu na Coruña o 8 de Setembro de 2004.

O CARRIZO

O carrizo, carriceiro
o carrizo carrizón
¡ o carrizo pequeneiro
do tamaño dun botón!

O carrizo fai o niño
moi redondo, ben lousado
¡ o carrizo pequeniño!
¡ o carrizo carrizado!

O carrizo fai a casa
ben lousada, ben cuberta
¡ E a choiva non o pasa
anque ten a porta aberta!

¡ O carrizo, carriciño!
¡ o carrizo, carrizota!
¡ o carrizo fai o niño
semellante a unha pelota!

martes, 1 de junio de 2010

ROSALÍA DE CASTRO




Rosalía de Castro é a figura máis importante do Primeiro Renacemento galego. Naceu en Santiago de Compostela, en 1837.


Desde ben nena pasou a vivir coa súa nai, primeiro na zona de Padrón e, a partir de 1850, en Santiago de Compostela.


É probábel que iniciase a súa formación na Sociedade Económica de Amigos del País, mentres asistía con regularidade ao Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista.


Posibelmente non fose casual que a marcha de Rosalía a Madrid, en 1856, coincidise coas represalias contra os participantes no Banquete de Conxo, organizado polo grupo do que ela formaba parte, aínda que o máis probábel é que se desprazase á Corte coa intención de se dedicar profesionalmente á escrita. Alí casou con Manuel Murguía en 1858 e publicou as súas primeiras obras: o poemario La Flor (1857) e mais a novela La hija del mar (1859). Nesta última aparece xa a Rosalía feminista, a escritora que, dentro dos estreitos límites que lle impón a época, fai unha alegación en defensa dos dereitos da muller.


A década dos 60, que desembocou na Revolución do 68, foi un período de grande efervescencia intelectual e política. Rosalía e Murguía formaban parte desa corrente federalista e republicana que aspiraba a un novo modelo político en que a causa galeguista tería cabida, que soñaba con ideais do socialismo utópico: liberdade relixiosa, libre comercio, sufraxio universal...


Neste ambiente de ilusión e esperanza no futuro, Rosalía escribiu os Cantares gallegos, cuxa publicación, en 1863, marcou o inicio do Primeiro Renacemento. No "Prólogo" intentou suavizar as posíbeis reaccións contra o libro polo seu carácter reivindicativo, o uso exclusivo do galego e a autoría feminina.


Rosalía era por entón unha escritora profesional que colaboraba con regularidade en diversas publicacións, mentres atendía ás obrigas familiares que a levaron a residir unhas veces en Castela (Madrid e Simancas) e outras en Galiza (Lugo, Compostela, A Coruña, Padrón), onde ficará definitivamente na década dos 70. Mais o fracaso da Revolución do 68 e a Restauración Borbónica acabaron coa esperanza no futuro. Á ilusión seguiu o desengano, agravado polas dificultades económicas derivadas do cambio político e polas discrepancias e disputas entre Murguía e Lamas, entre o galeguismo progresista e o galeguismo conservador. As consecuencias destes desencontros pagounas Rosalía, pois ficou sen posibilidades de colaborar na prensa galega.


A máis relevante escritora das nosas letras tivo que publicar o seu derradeiro poemario galego, Follas Novas (1880), na Habana e Madrid. O desencanto e a amargura ditaron as "Dúas palabras da autora" con que se abre este poemario, en que a muller galega, os nenos, os vellos e todos os desposuídos encontraron a súa voz propia. O cancro acabou coa vida de Rosalía en 1885, non sen que antes deixara unha importantísima obra en español, poética (En las orillas del Sar) e narrativa (El primer loco, Ruinas, El caballero de las botas azules), que aínda non está suficientemente valorada.


No centenario da publicación de Cantares Gallegos, a Real Academia Galega consagrou o 17 de Maio á celebración do Día das Letras Galegas, que lle foron dedicadas a Rosalía na súa primeira edición. Os restos da nosa máis insigne escritora repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

ADIÓS RÍOS , ADIÓS FONTES

ADIÓS RÍOS, ADIÓS FONTES

Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,f
igueiriñas que prantei,prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras,
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,deixo, en fin, canto ben quero...¡
Quen pudera non deixar!............................................
Mais son probe e, ¡mal pecado!,
a miña terra n'é miña,
que hastra lle dan de prestado
a beira por que camiña
ó que naceu desdichado.
Téñovos, pois, que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.
Adios, adios, que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pai se enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que nos criou.
Adios Virxe da Asunción,
branca como un serafín;
lévovos no corazón:
Pedídelle a Dios por min,
miña Virxe da Asunción.
Xa se oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar;
para min, ¡ai!, coitadiño,
nunca máis han de tocar.
Xa se oien lonxe, máis lonxe
Cada balada é un dolor;
voume soio, sin arrimo...
¡Miña terra, ¡adios!, ¡adios!
¡Adios tamén, queridiña!...
¡Adios por sempre quizais!...
Dígoche este adios chorando
desde a beiriña do mar.
Non me olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña!,¡meu lar!

RAMÓN CABANILLAS naceu en Fefiñáns (Cambados, Pontevedra) no ano 1876. Despois de abandonar a carreira eclesiástica en Compostela, regresou a Cambados, onde traballou como funcionario do Concello. Incansábel lector, foi un autor decididamente monolingüe, de grande proxección pública, que xogou un papel determinante na superación dos moldes do Primeiro Renacemento malia comezar a publicar a idade avanzada.

Con trinta e catro anos emigrou a Cuba, onde residiu entre 1910 e 1915. Alí coñeceu a Basilio Álvarez que o gañou para a causa agrarista. Na Habana publicou No desterro (1913) e Vento mareiro (1915).


De volta á Galiza, traballou en varios concellos do país e coñeceu a loita agrarista. O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente en A Nosa Terra, converténdose na voz lírica do movemento. Inicialmente próximo a posturas tradicionalistas, axiña partillou as teses de Vicente Risco, cuxo proxecto estético e cultural influiría decididamente na súa produción posterior. Foi aclamado como Poeta da Raza e utilizou os seus poemas ao servicio da construción nacional, abandonando os ecos intimistas presentes na súa primeira poesía. Así, en Da terra asoballada (1926) e nas novas edicións dos poemarios publicados na Habana, Cabanillas mantivo unha actitude educadora. Pretendeu conscienciar o pobo e achegalo ao nacionalismo. Con estes mesmos obxectivos redixiu, a instancias de Antón Villar Ponte, a peza dramática A man de Santiña (1921). En colaboración con el comporía en 1926 a traxedia histórica O mariscal.

Tamén en 1921 viu a luz o poemario Na noite estrelecida, onde, seguindo as teorizacións de Risco, Cabanillas reelabora mitos do ciclo artúrico que funcionen como símbolos produtivos. Porén, recuperou o lirismo intimista en 1927 no poemario amoroso A rosa de cen follas. En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, onde leu un discurso titulado "A saudade nos poetas galegos". En 1929 faría o propio na Real Academia Española cun ensaio sobre Eduardo Pondal.


Instalado en Madrid desde a súa incorporación a esta institución, o poeta atravesou un longo período de silencio que rompería a finais da década dos 40 con Camiños no tempo. Comeza entón unha nova etapa en que viron a luz Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958), o seu último libro publicado en vida. Faleceu en Cambados en 1959.


Autor de rápido recoñecemento popular e académico, Cabanillas conduciu a nosa poesía cara á modernidade e a súa obra foi considerada desde os primeiros momentos dentro do canon da literatura galega, a pesar de se presentar tan diversa que fai difícil a adscrición do escritor a unha corrente ou xeración.
CAMIÑO LONGO
Camiño, camiño longo,
camiño da miña vida,
escuro e triste de noite,
triste e escuro de día...
¡camiño longo
da miña vida !
Vereda, vereda torta
en duras laxes aberta,
arrodeada de toxos,
crebada polas lameiras...
¡vereda torta, ti onde me levas!
Camiño, camiño longo.
A choiva, a neve e as silvas
enchéronme de friaxe,
cubríronme de feridas...
¡camiño longo da miña vida !
Vereda, vereda fonda
de fontes tristes, sen auga;
sen carballos que dean sombra,
nin chouzas que dean pousada..
¡vereda fonda, ti cando acabas!

lunes, 31 de mayo de 2010


LONGA NOITE DE PEDRA está vencellada ao período do franquismoe, moi probablemente, foi composto (polo menos parcialmente) estando no cárcere en 1937: Celso Emilio Ferreiro, que fora chamado á guerra no 1936, foi detido por facer comentarios políticos en publico en 1937, estando de permiso na súa terra. Nunha cela de pedra, no Mosteiro de Celanova, pasou varias noites.


CELSO EMILIO FERREIRO naceu en Celanova no ano 1912. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.


Cando estalou a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título.


Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.


Establecido en Vigo desde 1949 como procurador, escribiu unha biografía de Curros Enriquez, consciente de que a recuperación da figura do poeta podía xogar un papel importante no despertar da consciencia colectiva do país nun momento tan delicado. En Vigo publicou O soño sulagado (1954), colaborou en varias revistas e dirixiu, para Galaxia, a colección de poesía "Salnés", onde saíu, en 1962, Longa noite de pedra. O impacto desta obra foi enorme, esgotouse en poucos días e correu multicopiada de man de man, marcando un fito na historia da nosa literatura. Aínda que non era o primeiro poemario da corrente socialrealista, Celso Emilio pasou a ser o símbolo deste movemento.


En 1966, respondendo a un convite da emigración, marchou a Caracas, onde axiña se enfrontou coa directiva da Irmandade Galega e o sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que redixiu Viaxe ao país dos Ananos (1968), polémico poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en Cantigas de escarnio e maldicir (1968), asinado baixo o pseudónimo Arístides Silveira, no romance de cego Paco Pixiñas (1970), en Os autentes (1973) e mais en Antipoemas (1972). Celso Emilio decántase pola actitude belixerante e o compromiso, pois entende que a poesía é un instrumento eficaz para transformar a realidade.


En 1973 instalouse en Madrid, onde desenvolveu unha intensa tarefa a prol da cultura e a literatura galegas, dedicándose por completo á actividade literaria e xornalística. Son desta época os poemarios Cimenterio privado (1973) e Onde o mundo se chama Celanova (1975). A morte sorpréndeo en Vigo no verán de 1979, nun momento en que Celso Emilio Ferreiro se convertera xa nun auténtico mito vivo para as novas xeracións.
LONGA NOITE DE PEDRA


O teito é de pedra.

De pedra son os muros

i as tebras.

De pedra o chan

i as reixas.

As portas,

as cadeas,

o aire,

as fenestras,

as olladas,

son de pedra.

Os corazós dos homes

que ao lonxe espreitan,

feitos están

tamén

de pedra.

I eu, morrendo

nesta longa noite

de pedra.