Fala a tarde baixiño i o corazón sínteo.. sinte ti a nosa poesía

No bicarelo do bico do brelo

canta o paxariño,

No mesmiño

bicarelo do bico do brelo.



Mostrando entradas con la etiqueta xosé maría álvarez blazquez. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xosé maría álvarez blazquez. Mostrar todas las entradas

jueves, 10 de junio de 2010

XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLAZQUEZ


Xosé María Álvarez Blazquez naceu o 4 de febreiro de 1915 en Tui, no seo dunha familia ligada ao mundo das letras. Co levantamento militar de 1936 ten lugar o fusilamento do seu pai, Darío Álvarez Limeses, e é postergada a súa toma de posesión como mestre na escola de Coreses.


Con todo, o seu compromiso coa Galiza é firme e militará na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista; no plano cultural, participa na fundación da revista pontevedresa Cristal e en 1950 funda a editorial Monterrey, -a partir de 1967 co nome de Editorial Castrelos-, etapa en que decide a reedición d´O catecismo do labrego, da autoría de Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), e pon en marcha a colección literaria O moucho o que permitiu a publicación de libros de baixo custo que favoreceron a difusión da cultura galega e o seu acceso a todos os públicos.


Para alén do seu traballo como investigador, cultivou a poesía, actividade que foi central na súa vida, poetizando sobre diferentes aspectos da realidade e de moi diversas maneiras. A súa produción lírica iníciase coa publicación do poemario Abril (1932), ao que seguen obras como Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950) ou Canle segredo (1976), en que se manifesta a súa madurez poética. Ademais, a publicación do Cancioeiro de Monfero en 1953 é fundamental na corrente neotrobadoresca iniciada por Fermín Bouza Brey na década de 30, tendencia moito cultivada tamén no período de posguerra. A súa obra poética completa será publicada por Xerais en 1987.


En obra narrativa destacan os relatos Os ruíns, publicado na revista Nós en 1935, e A pega rabilonga e outras historias de tesouros, publicada en 1971. Escribiu varias obras de teatro en español, traducidas ao galego postumamente. Por outro lado, o seu interese pola arqueoloxía levouno a protagonizar importantes descubertas neste ámbito, plasmadas en obras como O vencello espritoal dos Fisterres Atlánticos (1951) e Industrias paleolíticas do Baixo Miño (1952), entre moitas outras. Tamén foron numerosas as conferencias e colaboracións nos medios de comunicación onde difundiu un ideario plenamente comprometido coa Galiza. Divulgador, pedagogo, editor, activista da Segunda República, Xosé María Álvarez Blazquez foi un normalizador da cultura e lingua galegas ao longo de toda a súa vida. Finalmente, morreu en Vigo en 1985.