Fala a tarde baixiño i o corazón sínteo.. sinte ti a nosa poesía

No bicarelo do bico do brelo

canta o paxariño,

No mesmiño

bicarelo do bico do brelo.



viernes, 11 de junio de 2010

O GALO


Ábrelle as portas ao día

coa chave do teu cantar

que xa na fonte da Lúa

está lavada a mañán.


Bótalle o teu aturuxo

á paisaxe dende o val

que o gran balbo das estrelas

cairá serodio no mar.


O campo cheo de frío

busca un anaco de sol,

alcéndelle unha fogueira

co lume da túa voz.

jueves, 10 de junio de 2010

XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLAZQUEZ


Xosé María Álvarez Blazquez naceu o 4 de febreiro de 1915 en Tui, no seo dunha familia ligada ao mundo das letras. Co levantamento militar de 1936 ten lugar o fusilamento do seu pai, Darío Álvarez Limeses, e é postergada a súa toma de posesión como mestre na escola de Coreses.


Con todo, o seu compromiso coa Galiza é firme e militará na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista; no plano cultural, participa na fundación da revista pontevedresa Cristal e en 1950 funda a editorial Monterrey, -a partir de 1967 co nome de Editorial Castrelos-, etapa en que decide a reedición d´O catecismo do labrego, da autoría de Valentín Lamas Carvajal (1849-1906), e pon en marcha a colección literaria O moucho o que permitiu a publicación de libros de baixo custo que favoreceron a difusión da cultura galega e o seu acceso a todos os públicos.


Para alén do seu traballo como investigador, cultivou a poesía, actividade que foi central na súa vida, poetizando sobre diferentes aspectos da realidade e de moi diversas maneiras. A súa produción lírica iníciase coa publicación do poemario Abril (1932), ao que seguen obras como Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950) ou Canle segredo (1976), en que se manifesta a súa madurez poética. Ademais, a publicación do Cancioeiro de Monfero en 1953 é fundamental na corrente neotrobadoresca iniciada por Fermín Bouza Brey na década de 30, tendencia moito cultivada tamén no período de posguerra. A súa obra poética completa será publicada por Xerais en 1987.


En obra narrativa destacan os relatos Os ruíns, publicado na revista Nós en 1935, e A pega rabilonga e outras historias de tesouros, publicada en 1971. Escribiu varias obras de teatro en español, traducidas ao galego postumamente. Por outro lado, o seu interese pola arqueoloxía levouno a protagonizar importantes descubertas neste ámbito, plasmadas en obras como O vencello espritoal dos Fisterres Atlánticos (1951) e Industrias paleolíticas do Baixo Miño (1952), entre moitas outras. Tamén foron numerosas as conferencias e colaboracións nos medios de comunicación onde difundiu un ideario plenamente comprometido coa Galiza. Divulgador, pedagogo, editor, activista da Segunda República, Xosé María Álvarez Blazquez foi un normalizador da cultura e lingua galegas ao longo de toda a súa vida. Finalmente, morreu en Vigo en 1985.

A COMETA

Botar unha cometa
era guindar os sonoños
todos pola fiestra.

Era poñer a ialma
por enriba das ponlas
máis erguidas da fraga.

Era andar cos miñatos
nun outo vóo suspenso
sobor da paz dos campos.

Era ter -¡cousa meiga!-
o corazón atado
cun longo fío á terra.
Cousos do lobo!
Caborcos do xabarín!
Eidos solos
Onde ninguén foi nin ha d´ir!


O lobo! Os ollos o lombo do lobo!

Baixa o lobo polo ollo do bosco

movendo nas flairas dos teixos

ruxindo na folla dos carreiros

en busca da vagoada máis sola e máis medosa…


Rastrexa

párase e venta

finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo

con toda a sombra da noite na boca.

ANTONIO NORIEGA VARELA

En 1869 Antonio Noriega Varela veu ao mundo en Mondoñedo. Moi relixioso, ingresou con catorce anos no Seminario, onde se fixo popular gracias ao seu carácter festeiro e satírico. Alí adquiriu formación clásica e comezou a escribir poemas en español que enviaba á prensa local.

Mais non puido ordenarse sacerdote ao lle negar Roma a dispensa por ser fillo de solteira, polo que decidiu facerse mestre. En 1901 comezou a exercer en Foz, onde morou até ser expedientado e trasladado a Calvos de Randín. Aquí publicou poemas de ton agrarista no xornal ¡Guau...Guau! e descubriu o movemento anticaciquil da man de Antón Vilar Ponte. Porén, abandonou a reivindicación agrarista (nunca asumida por un Noriega politicamente conservador) e, crítico cos rumos estéticos da poesía galeguista, acabou renegando destes poemas.

Os tres anos que viviu desterrado nas terras arraianas provocáronlle un sentimento de desolación. O posterior traslado a Trasalba supúxolle a posibilidade de trabar novas relacións. A máis definitiva sería a de Otero Pedrayo, baixo cuxa protección coñeceu a Basilio Álvarez e entrou en contacto cos escritores portugueses. Neste tempo publicou o seu primeiro libro (Montañesas, de 1904), poemario costumista con fórmulas decimonónicas que logo serán abandonadas en favor dun lirismo "franciscanista" máis depurado. En 1920 o "poeta da montaña" deu ao prelo D'o Ermo, en cuxas sucesivas edicións (até 1946) foi incluíndo novos poemas. Con 57 anos obtivo un destino definitivo como mestre con plenos dereitos e regresou ás terras da súa xuventude. En Abadín, onde foi recibido con admiración, contou coa compañía do xoven poeta Iglesia Alvariño, co trato dos labregos e coas conversas cos compañeiros na etapa do Seminario. Foron anos de recoñecemento, en que o mindoniense foi elixido membro da Real Academia Galega e en que se lle tributaron numerosas homenaxes. En 1930 Noriega solicitou o traslado á mariña para fuxir dos rigores do clima. Nas proximidades de Viveiro discorreu a última etapa da súa vida docente, rodeado de admiradores e amigos. Coa sublevación militar, posicionouse en contra da República, incrementando a súa produción poética (agora en español). Tras a guerra (e de novo instalado na nosa lingua) chegoulle o tempo do retiro e coñeceu, até o seu pasamento en 1947, un momento de fondo pesimismo.

O amor polas tradicións levouno a recolectar léxico, cantares, refráns e adiviñanzas, do que naceron a colección A Virxen y-a paisanaxe (1914) e as dúas series de Como falan os brañegos (1928 e 1939), para alén de moitas colaboracións publicadas na revista Vallibria.

AS FLORIÑAS DOS TOXOS


¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!
Eu venero as froliñas dos toxos.

Dos toxales as tenues froliñas,
que sorríen, a medo, entre espiñas.

Entre espiñas que o ceio agasalla
con diamantes as noites que orballa.

¡Oh do ermo preciado tesouro:
as froliñas dos toxos son de ouro!

De ouro vello son, mai, as froliñas
dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!...

martes, 8 de junio de 2010

EDUARDO PONDAL


Eduardo Pondal


Unha das máximas figuras, xunto con Rosalía de Castro e Curros Enriquez, do noso Primeiro Renacemento literario, naceu en 1835 na Ponteceso, comarca de Bergantiños. De orixe fidalga, Eduardo estudou gramática latina da man dun parente crego. En 1848 instalouse en Santiago para cursar o Bacharelato en Filosofía e, a seguir, a carreira de Medicina. No compostelán Liceo de la Juventud coñecerá a Rosalía, Murguía e Rodríguez Seoane, con quen partillará inquedanzas culturais. No transcurso do Banquete de Conxo (1856), un encontro confraternizador entre artesáns e estudantes, Pondal daríase a coñecer coa lectura dun poema en español titulado "Brindis".


Tras licenciarse en Medicina en 1860, Pondal estableceuse en Ferrol como médico da Armada Española. Neste ano saiu á luz no Álbum de la Caridad "A campana de Anllóns", o seu primeiro poema en galego. Un ano máis tarde preparou oposicións en Madrid para ingresar no corpo de Sanidade Militar, mais, tras conseguir un posto en Asturias, deixou a praza e abandonou de maneira definitiva a profesión médica. Desde entón dedicouse por completo ao cultivo da poesía. Instalado desde entón na súa vila natal e na Coruña, Pondal contactou co hipotético pasado celta da Galiza na tertulia da Libraría Carré, alcumada "Cova Céltica", e accedeu a través de Murguía aos poemas ossiánicos de James Macpherson. Pondal asumirá entón o papel de "bardo" da nación galega, exercendo como guía e intérprete da rota a seguir.


No ano 1877 saíu do prelo Rumores de los pinos, un conxunto de vinte e un poemas en galego e español que servirá de base a Queixumes dos pinos (1886). Esta obra recupera da versión bilingüe as composicións en galego, inclúe aínda algúns dos poemas en español agora traducidos e coñecerá diversas ampliacións nas edicións seguintes. "Os pinos", xurdido das sucesivas reelaboracións de Rumores de los pinos, conformará o himno galego, con música de Pascual Veiga.


Pondal, poeta oficial do movemento rexionalista, encamiñará a súa obra á recuperación da lingua e da cultura galegas e á decidida defensa da liberdade do noso pobo. A súa escrita, fundamentalmente épica, irá en procura de mitos autóctonos que chamen á colectividade galega para comprometela co seu futuro. O bergantiñán vai cantar as xestas dos heroicos celtas galegos. Mais Pondal é tamén un excelente cultivador da poesía lírica, recreando unha paisaxe agreste inspirada nas terras de Bergantiños. Xunto coa natureza, a muller configurarase como unha das chaves da súa produción lírica. No plano lingüístico, Pondal procurou a dignificación do idioma fuxindo do estilo populista da época e incorporando diversos cultismos aristocratizantes no léxico e na sintaxe. O trazo máis acusado da súa personalidade literaria foi, sen dúbida, a clara consciencia da dimensión artística da súa obra que o levou a revisar constantemente as súas creacións, mesmo as xa publicadas. Neste sentido, non resulta estraño que de Os Eoas, un extenso poema épico baseado na descuberta do continente americano, o autor só publicase un primeiro esbozo en 1858.


Eduardo Pondal falece no hotel La Luguesa da Coruña no ano 1917 e repousa desde entón no cemiterio de San Amaro.